Portocubelo, Lira.

Portocubelo, abeiro mínimo contra a furia do Atlántico, acolle os nosos aloxamentos a uns pasos do peirao.

O porto atópase xunto á praia máis grande de Galicia, no extremo sur da Costa da Morte. Cara ao norte podemos atopar as rías de Cee, de Fisterra e de Lires; os cabos de Fisterra, Touriñán e o Vilán, e un sinfín de praias e vilas mariñeiras que conservan a esencia da nosa terra e da nosa xente. E cara ao Sur Lariño, o Ancoradoiro e o Monte Louro, coa súa lagoa. Tamén a ría de Muros e a monumental vila de Noia.

Un lugar así imprime carácter: o dos bravos mariños deste mar salvaxe e da terra onde o sol morre cada luscofusco. Unha estirpe ancestral de navigantes deixou aquí a súa pegada, e non só nas pedras escritas dos nosos montes.

Carnota

Xa a raíz do noso topónimo dá idea do noso carácter. Carn significa pedra en gaélico escocés. As pedras constitúen a nosa identidade primaria, e as migracións célticas perviven no carácter, no idioma e na forma de vida das nosas xentes.

Aquí atópase un dos hórreos máis grandes e mellor conservados do mundo, e a praia máis longa e maxestosa de toda Galicia.

O Pindo

O monte que todo o vixía atópase a tiro de pedra de Portocubela. O chamado “Olimpo Celta” permite unha subida asequible a todos os públicos e unha vista incomparable do Mar de Fisterra e da fin do mundo.

Finis Terrae e A Costa da Morte

Os faros de Fisterra, Touriñán e o Vilán vixían sen descanso esta costa salvaxe. Ti podes percorrela no teu vehículo ou seguindo a Ruta dos Faros. Unha terra máxica que marcou durante séculos o final do mundo coñecido. O fin da terra para os romanos, e seguramente destino dunha ruta iniciática moito tempo antes.